Tuesday 14 de May de 2024

Scorpions estrean hoxe o escenario do Coruña Sounds, polo que tamén pasarán Rubén Blades, Marea e ZAZ


As entradas para todas as actuacións continúan á venda nos puntos habituais

Rubén Blades actuará o xoves 20, Marea farao o sábado 22 e Zaz pechará o ciclo o 31 de xullo

A banda de metal alemá Scorpions inaugura hoxe o escenario do ciclo de concertos Coruña Sounds, situado nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Será o punto de partida para máis de dúas semanas de actuacións no Porto, polo que tamén pasarán Rubén Blades, Marea e ZAZ, ademais do Morriña Fest, con numerosos artistas de prestixio internacional.

O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, supervisou esta mañá as derradeiras tarefas de montaxe no recinto do Coruña Sounds. Estivo acompañado de Álvaro Yáñez, codirector do Morriña Fest, e Juan Rivera, de Hijos de Rivera, patrocinador do evento.

Para esta noite espérase a asistencia de máis de 12.000 persoas. “Este concerto marca un punto de inflexión para a realización de eventos de gran formato nun espazo tan singular da nosa cidade como é o Porto”, sinalou Gonzalo Castro.

As entradas para todas as actuacións continúan á venda a través de Ataquilla e da billeteira da praza de Ourense. “O ciclo de concertos Coruña Sounds é unha iniciativa do Goberno de Inés Rey co obxectivo de continuar abrindo os peiraos á cidadanía e dinamizar a oferta cultural e musical do verán coruñés”, sinalou Castro.

Tres actuacións máis

O xoves 20 de xullo será a quenda de Rubén Blades, o máximo expoñente da salsa a nivel mundial, xunto á Big Band de Roberto Delgado, composta por case 20 músicos. O panameño conta cunha carreira sobresaínte de máis de cincuenta anos, nos que colleitou numerosos éxitos e recoñecementos. É considerado un dos máis grandes artistas latinos do século XX e conta entre os seus recoñecementos con 10 premios Grammy e outros 13 premios Grammy Latinos. As entradas para o seu concerto costarán 35 euros.

O sábado 22 de xullo actuará no porto a banda Marea, un referente do rock nacional que estará acompañado de Bocanada. A formación liderada por Kutxi Romero regresa á Coruña tras encher o Coliseum no 2019 para presentar o seu novo disco ‘Los Potros del Tiempo’.

Por último, pechará este ciclo de actuacións musicais no porto ZAZ, o gran fenómeno da música en francés, o vindeiro luns 31 de xullo, dentro da súa xira ‘Organique Tour’. O seu pop enche recintos en toda Europa e actuará por primeira vez na cidade.

As actuacións no porto coruñés completaranse a fin de semana do 28 e 29 de xullo coa celebración do Morriña Festival, que contará nesta edición coa presenza de destacados artistas internacionais de diferentes xéneros como Nicky Jam ou Two Door Cinema Club.